Escaiola

Teito decorado con elementos de escaiola (1763–71), no Museo Metropolitano de Arte de Nova York.

A escaiola é un produto industrial, un xeso de alta calidade e gran moi fino, cunha pureza maior do 80 % en sulfato de calcio hemihidratado (CaSO4·½H2O),[1] que se obtén do xeso natural.[2] A palabra provén do italiano scaglióla, diminutivo de scáglia, do latín scaliolae, unha pedra branda lixeiramente parecida ao talco.

Ata principios do século XIX entendíase como escaiola unha mestura de xeso con xeso espático, amasado con auga de cola. Desde o punto de vista tradicional a diferenza entre xeso e escaiola é a súa pureza e diferente granulometría (a escaiola é máis fina). Mentres que o xeso ten pureza maior do 70 %, a escaiola ten que ter pureza maior do 90 %. Desde o punto de vista industrial non existe diferenza entre xeso e escaiola.

Unha vez fraguada, a composición química da escaiola é maioritariamente sulfato de calcio dihidratado: CaSO4·2H2O xunto con restos de xeso industrial (sulfato de calcio hemihidrato, CaSO4·½H2O) e anhidrita en fase III (CaSO4), cunha maior ou menor proporción que lle confiren características diferentes.

  1. A composición química pode describirse tamén como sulfato cálcico semihidratado, e a fórmula como CaSO4·0,5H2O
  2. Ministerio de Educación, Cultura y Deporte «Escayola». Tesauros del Patrimonio Cultural de España. (Consultado o 7 de febreiro de 2019)

Developed by StudentB